Tokio

(Alfredo López Fernández)

Castrelos (Vigo), 1964

 

Comezou en revistas como Castrellis e Katarsis, e publicou humor gráfico e BD en xornais como A Nosa Terra e A Peneira; neste apareceron por entregas as súas primeiras historias longas: Aldraxe (1984) e A causa do crime (1987). En 2011 publicou a súa novela gráfica Cabana de Balieiros (Demo Editorial), que supuxo á súa volta ao cómic. En 2014, recuperou nunha nova versión a historia A causa do crime, editada en libro por Demo Editorial.

Licenciado en Ciencias Biolóxicas, coa especialidade de Zooloxía Mariña, dedicouse á ilustración científica e naturalista como ilustrador profesional entre 1989 e 1998. Ilustrou Vocabulario de ciencias (Xunta de Galicia), o volume Cefalópodos na obra Fauna Ibérica (Museo de Ciencias de Madrid), e mais o Atlas de vertebrados de Galicia e A natureza ameazada (Consello da Cultura Galega). Doutorouse cunha tese sobre cetáceos en 2003, despois de catro anos no Instituto de Investigacións Mariñas – CSIC.

Tamén ten realizado ilustracións de libros infantís, como Crónica dos catro viaxeiros e A aldea das catro primaveras, de Xoán Babarro; O cocho de carreiras Rudi Fuciños, de Uwe Tim; O namoro de lobo Pipo, de Bernardino Graña; Nogard, de Marilar Aleixandre, ou A toupeira, de Xosé Alfredo Pereira. Son súas as capas de dous discos do grupo Muxicas, e ilustracións para libros de texto, carteis, diaporamas e proxectos expositivos e museísticos, así como o storyboard da curta O Camiño das Estrelas, de Chano Piñeiro.

Na actualidade desenvolve labores como biólogo responsable de proxectos científicos e de educación ambiental na ONG Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños – CEMMA.

 

Tokio na rede:

www.blogoteca.com/tokioilus

 

Hai 2 produtos.

A súa obra:
Amosando 1 - 2 de 2 artigos
Amosando 1 - 2 de 2 artigos