Demo Editorial

O noso proxecto editorial nace a finais de 2008 como alternativa de auto-edición do autor Manel Cráneo.

En 2009 sae ao mercado "Os lobos de Moeche" grazas a colaboración coa entidade Euroeume, un cómic de aventuras e divulgativo. O libro úsase como peza de promoción do Museo do Castelo de Moeche e simultaneamente se comercializa no circuíto de librarías galegas.

Ao pouco comezan a chegar propostas doutros autores galegos interesados en publicar co selo e de xeito natural a iniciativa vaise consolidando como proxecto editorial.

A liña principal de edición está baseada na potenciación de autores galegos en lingua galega, atendendo especialmente a temas relacionados có patrimonio pero sempre desde un enfoque lúdico e asumible para calquera tipo de lector. Có tempo foron nacendo tamén, distintas liñas de edición temáticas que atenden aos nosos gustos persoais como a Colección HäinöS, Eumedievo ou Colección Castelao. 

En 2011, recibimos o Premio Ourense de Banda Deseñada á mellor iniciativa que o editor Manel Cráneo adicou á memoria de Benito Losada, un dos maiores impulsores da BD en Galicia.

Durante tres anos gañamos o Concurso Castelao de Edición da Deputación da Coruña editando ás obras premiadas no Concurso Castelao de Banda Deseñada.

Na actualidade o noso catálogo conta con máis de vinte títulos e o recoñecemento de moitos lectores. Apoiamos novos autores, rescatamos e potenciamos tamén a clásicos do panorama galego e seguimos facendo medrar o noso catálogo esperando que có tempo poida traspasar fronteiras coma xa ocurreu coa obra "Sen mirar atrás" de Dani Montero, editado en galego, español e alemán.