Autores  Hai 24 produtos.

Subcategorías

  • MANEL CRÁNEO

    A Coruña, 1973

    Artista multimedia de ampla bagaxe en diversas disciplinas. Como autor de cómic, centos de páxinas súas teñen aparecido en publicacións como BD Banda, Barsowia, Dos Veces Breve, GPS, Ovo, Costra de Postre, Os Rústicos da Guadaña, Bravú, Subterfuge Comics, Interea Visual, Boletín Galego de Literatura, Caña, Viralatas ou Golfiño. Colaborou en volumes colectivos como Fito y Fitipaldis (Dro Eastwest), Artículo 20 (Astiberri) ou H2OIL (Colectivo Chapapote). Publicou os álbums Dámsmitt (Dibbuks, 2006, con guión de Kike Benlloch), Os lobos de Moeche (Demo Editorial, 2009, reeditado en 2012), Cousas de mortos (Demo Editorial, 2012), A Fraga Milmañas (Demo Editorial, 2013, con guión de Carlos Amil) e Destino Hërgüss (Demo Editorial, 2015, dentro do universo do Planeta Mincha). A súa BD Ladróns de cadáveres foi adaptada a curtametraxe, e foi producido tamén un capítulo piloto de serie de animación baseado no universo de Planeta Mincha. A súa obra ten sido exposta en numerosas mostras por España, Portugal, Francia e Cuba. Entre os seus premios destaca o Nacional de Cómic sobre Vida e Obra de García Lorca (Granada, 1998).

    Manel Cráneo na rede:

    manelcraneo.blogspot.com

    craneomortem.blogspot.com

    planetamincha.blogspot.com

    www.planetamincha.com

  • CARLOS AMIL

    A Coruña, 1959

    Cineasta e guionista. Comezou a súa carreira no equipo de cine Imaxe, a finais da década de 1970. Foi un dos primeiros profesionais en traballar para a TVG en tarefas de director, realizador e montador. Foi mestre de montaxe e de realización de cinema e televisión na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Dirixiu a curtametraxe Reflexos (1982) e as longametraxes Blanca Madison (2000) e A casa da luz (2008). Con Manel Cráneo colaborou entre 2000 e 2003 na revista Golfiño, asinando os guións da serie A Fraga Milmañas, que sería recompilada en forma de libro por Demo Editorial en 2013.

  • DANI MONTERO

    Catoira, 1977

    Profesional do mundo da animación, especializado no deseño de personaxes, ten traballado na produción de películas (como Holy Night?, de Dygra Films), interactivos e aplicacións. Ilustrou varios libros infantís e xuvenís e libros de texto, e é autor de texto e ilustracións dos volumes Las tonteorías del Dr. Telini (PuertoNorte-Sur, 2009) e Zooilógico: bestiario de seres mitoilógicos (Jaguar, 2011). En 2009 obtivo o Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña por Sen mirar atrás, que foi publicado o ano seguinte por Demo Editorial en galego e castelán (Sin mirar atrás), e que recibiu tamén tradución ao alemán (Kein Blick Zurük, Edition 52, 2011). En cómic é seu tamén o libro La isla del arrecife de coral (Fundación Ecomar, 2010), e ten publicado nas revistas Golfiño e Cthulhu (Diábolo Ediciones).

    Dani Montero na rede:

    www.danimonteroart.com

  • INACIO VILARIÑO

    (Inacio Vilariño)

    Lalín, 1974

    Licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Despois dun decenio dedicado ao teatro, comezou en 2003 a escribir e a adaptar para a escena textos dramáticos, que representa coa compañía Fantoches Baj; entre estes, Rei, Rei?, O asombroPoesía última de Lois Pereiro e As pombas de Carboeiro. En 2008 editou con Baía o libro ilustrado Tío Miseria. En 2009 e 2010 recibiu o Premio Barriga Verde de Textos para Monicreques, nas modalidades de adultos e infantil, polas obras Auga que non vas beber... e Fábula galénica. En 2011 obtivo, con Iván Suárez, o Premio Castelao de Banda Deseñada pola obra Titoán, que foi publicada en 2012 por Demo Editorial.Na mesma serie apareceron xa O pobre tolo (Demo, 2012), Máis alá (Demo, 2013) e Atila (Demo, 2015). Moi interesado pola cultura popular, é membro colaborador do Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa.

  • IVAN SUÁREZ

    Santiago de Compostela, 1973

    É licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e cursou estudos de realización e produción na escola IDEP de Barcelona. En 1996 recibiu un accésit no Certame Ourense de Banda Deseñada, e dous anos despois o 2.º premio no Concurso de Banda Deseñada Xuventude 98. Alternou o seu traballo como deseñador coa ilustración infantil e xuvenil; realizou así libros para Kalandraka e Oqo Editora (Co vento de cara, Palabra de crocodilo). En 2008 comezou a formar parte do persoal de Oqo Editora, e fixo a súa primeira incursión na animación. Ese mesmo ano publicou en Polaqia, con guión de Kike Benlloch, o álbum Rara avis. En 2011 obtivo, con Inacio, o Premio Castelao de Banda Deseñada pola obra Titoán, publicada por Demo en 2012, ao igual que O pobre tolo, ás que seguiron Máis alá (Demo, 2013) e Atila (Demo, 2015).

  • JANO

    (Alejandro Viñuela Agra)

    A Coruña, 1979

    Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Pontevedra, gañou varios premios de banda deseñada, como o Injuve en 2002, o Certame Ourense en 2003 ou o Golden Globos en 2011. Publicou a miniserie Nieve negra (Factoría de Ideas, 2000, con Adrián López e Kike Benlloch) e mais as monografías Patricia (Polaqia, 2002), Layka (Cabezabajo, 2005), Centoloman (Rei Zentolo, 2009, con Rodrigo Cota), Ratoon (Bang, 2011), 3X1 (Polaqia, 2012, con Ricardo Mena), Operario (Demo, 2013) e Nacho Camacho (con Rodrigo Cota, Demo, 2014).

    Jano na rede

    janoilustracion.blogspot.com.es

  • LUIS SENDÓN

    A Coruña, 1981

    Recoñecido internacionalmente dentro da escena da música extrema como un solvente creador de portadas (é o responsable de cubertas para Brutal Truth, Macabre, LFAA ou mesmo a súa propia banda, Nashgul), tamén ten traballado no ámbito da ilustración infantil en volumes como Adeliña ou Hércules e Xerión, ademais de ter asinado numerosas colaboracións na revista antolóxica Barsowia, editada polo colectivo Polaqia, do que formou parte. En colaboración con Álvaro López, publicou Sálpok – O val dos Cegos (Demo, 2012), primeiro capítulo dunha serie. Con López co-dirixe desde 2014, a revista de ciencia-ficción e fantasía Altar Mutante.

    Luis Sendón na rede:

    sendonluis.blogspot.com.es

  • MANOLO LÓPEZ POY

    Sarria, 1958

    Marchou a Madrid a estudar xornalismo, e alí exerceu durante moitos anos ese oficio. Despois viñeron xornais, radios e televisións en Andalucía, Galicia e Cataluña. Traballa como periodista freelance para revistas de música, viaxes e motor. É director do documental La frontera de papel: cinco historias de nostalgia y esperanza. Publicou o libro Camino a la libertad: historia social del blues, co-dirixe o programa de radio Bad Music Blues e prepara o libro e o guión do documental Via est Vita. Dá conferencias sobre novela negra, cómic e cultura da discapacidade. Xunto con Miguel Fernández publicou en 2010 a novela gráfica Mamed Casanova: O fillo da Furia (Demo Editorial), que foi traducida a castelán o ano seguinte baixo o título de El hijo de la ira (Diábolo Ediciones/Demo Editorial). En 2013, Os días do cometa foi unha nova colaboración dos dous autores, tamén en Demo Editorial, e en 2014 publicaron xuntos A las cinco de la tarde (Diábolo Ediciones, con versión en castelán, italiano e alemán). Como tándem creativo teñen colaborado tamén coa revista de fantasía Cthulhu (Diábolo Ediciones).

    Manolo López Poy na rede: 

    creacionesyopo.blogsport.com.es

  • TOKIO

    (Alfredo López Fernández)

    Castrelos (Vigo), 1964

     

    Comezou en revistas como Castrellis e Katarsis, e publicou humor gráfico e BD en xornais como A Nosa Terra e A Peneira; neste apareceron por entregas as súas primeiras historias longas: Aldraxe (1984) e A causa do crime (1987). En 2011 publicou a súa novela gráfica Cabana de Balieiros (Demo Editorial), que supuxo á súa volta ao cómic. En 2014, recuperou nunha nova versión a historia A causa do crime, editada en libro por Demo Editorial.

    Licenciado en Ciencias Biolóxicas, coa especialidade de Zooloxía Mariña, dedicouse á ilustración científica e naturalista como ilustrador profesional entre 1989 e 1998. Ilustrou Vocabulario de ciencias (Xunta de Galicia), o volume Cefalópodos na obra Fauna Ibérica (Museo de Ciencias de Madrid), e mais o Atlas de vertebrados de Galicia e A natureza ameazada (Consello da Cultura Galega). Doutorouse cunha tese sobre cetáceos en 2003, despois de catro anos no Instituto de Investigacións Mariñas – CSIC.

    Tamén ten realizado ilustracións de libros infantís, como Crónica dos catro viaxeiros e A aldea das catro primaveras, de Xoán Babarro; O cocho de carreiras Rudi Fuciños, de Uwe Tim; O namoro de lobo Pipo, de Bernardino Graña; Nogard, de Marilar Aleixandre, ou A toupeira, de Xosé Alfredo Pereira. Son súas as capas de dous discos do grupo Muxicas, e ilustracións para libros de texto, carteis, diaporamas e proxectos expositivos e museísticos, así como o storyboard da curta O Camiño das Estrelas, de Chano Piñeiro.

    Na actualidade desenvolve labores como biólogo responsable de proxectos científicos e de educación ambiental na ONG Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños – CEMMA.

     

    Tokio na rede:

    www.blogoteca.com/tokioilus

     

  • MIGUEL CUBA

    Lugo, 1982

    Artista multidisciplinar, licenciado pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Traballou como ilustrador para as revistas Cerna e A Xanela, e tamén no libro As crónicas chairegas, de Paulo Martínez Lema. Foi gañador do 1.º premio no Certame Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2009), así como de dous galardóns no certame Xuventude Crea 2010 (Xunta de Galicia): o 1.º premio na modalidade de artes plásticas e o terceiro na de banda deseñada. Ten participado en numerosas exposicións colectivas e individuais en España e no estranxeiro. A súa primeira novela gráfica é Punto de fuga (Demo, 2011), que obtivo unha das axudas para a creación de BD da Xunta de Galicia.

    Miguel Cuba na rede:

    www.miguelcuba.es

  • MIGUEL FERNÁNDEZ

    Baralla, 1973

    Estudou deseño gráfico na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, de Lugo, ademais de realización de audiovisuais na Escuela Superior de Imagen y Sonido CES (Madrid), e cinema de animación e debuxos animados na ECAM (Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid). Colaborou na realización da curtametraxe de animación en 2D Teatro mágico. Traballou para Animagic Studio nos filmes Los tres Reyes Magos, O Cid e Jester Till. No ano 2004 acadou o premio ao mellor cómic de xénero negro na sexta edición do Festival Internacional de Cinema Negre de Manresa (Fecinema), pola obra Yo no trabajo gratis. Publicou en 2010 a novela gráfica Mamed Casanova: O fillo da Furia (con Manolo López Poy, en Demo Editorial), que sería traducida a castelán o ano seguinte baixo o título de El hijo de la ira (Diábolo Ediciones/Demo Editorial). En 2013, Os días do cometa foi unha nova colaboración dos dous autores, tamén en Demo Editorial, e en 2014 publicaron xuntos A las cinco de la tarde (Diábolo Ediciones, con versión en castelán, italiano e alemán). Como tándem creativo teñen colaborado tamén coa revista de fantasía Cthulhu (Diábolo Ediciones).

    Miguel Fernández na rede:

    miguelentinta.com

  • RODRIGO COTA

    México DF, 1966

     

    Escritor e guionista de cómic e cinema, é autor, entre outras obras, de La loca historia de Pontevedra (2010) e da novela humorística El inaudito secuestro de Mariano Rajoy (2012). En cómic publicou a historia curta Centoloman (con Jano, Rei Zentolo, 2009) e o volume Nacho Camacho (con Jano, Demo, 2014). Actualmente é columnista en Diario de Pontevedra, labor que compaxina cos de corrector literario e escritor fantasma.

     

    Rodrigo Cota na rede:

    correctoresdesabor.blogspot.com.es

  • TOMÁS GUERRERO

    Valencia, 1972

     

    Animador 3D e ilustrador, contador de historias gráficas, traballa no eido da imaxe desde 1995 con distintas empresas nacionais e internacionais. En materia de patrimonio, as súas creacións son apoio para medievalistas, arqueólogos e investigadores, en proxectos para a exhibición de obras arquitectónicas singulares en España, Reino Unido, Suíza, Francia, Cidade do Vaticano, Brasil e Marrocos, servindo de soporte visual en diversas publicacións e medios científicos internacionais. No tocante á ilustración 2D, participou en deseño de personaxes, carteis publicitarios, ilustración para libros, campañas institucionais etc. Ten colaborado realizando animación e creación gráfica para videoxogos e curtametraxes. É o autor do proxecto Windplanet, seleccionado como serie de animación no 3D Wire International Market: Animation, Videogames & New Media 2012. A súa primeira novela gráfica é A deserción de Stalin (Demo, 2015).

     

    Tomás Guerrero na rede:

    www.magnetostudio.es

     

  • VICTOR BOULLÓN

    Santiago de Compostela, 1979

     

    Estudou na escola de arte Antonio Faílde de Ourense. Ten feito traballos de deseño, carteis, portadas de libros e ilustración para publicidade. Aleida: cidade sen alma, que publica Demo Editorial en 2015, é a súa primeira incursión como autor no mundo editorial.

     

    Víctor Boullón na rede:

    www.victorboullon.com

     

  • ESTEBAN MAROTO

    Madrid, 1942

     

    Iniciou a súa carreira como debuxante de cómics nos sesenta, e desde moi cedo comezou a traballar para o mercado británico. Entre os seus primeiros éxitos están as series 5 por infinito, La tumba de los dioses e Wolf. Nos anos 80 traballou especialmente para Toutain Editor, con títulos como Dax el guerrero, Mujeres fantásticas e Cuando el cómic es arte. Nos noventa colaborou con selos norteamericanos como Marvel, DC ou Topps, en series como Conan, Red Sonja, Las crónicas de Atlantis, Vlad de Impaler, Dracula e Lady Rawhide. Foi convidado de honra do Salón do Cómic de Lucca en 1972, e recibiu o premio Foreign Comic Award da Academy of Comic Book Arts en 1970. A súa obra de BD e de ilustración ten sido recompilada en España en diversos volumes, como En el nombre del diablo (Toutain, 1991), Urania (Norma, 1999), Wonders (Norma, 2002) ou o integral 5 por infinito (Glénat, 2011). En 2015, Demo edita un recompilatorio de obras recentes inéditas en España titulado En futuro pasado.

     

  • BRAIS RODRÍGUEZ

    Brión, 1980

    Publicou nas revistas Barsowia, Fanzine Enfermo, Argh! e Dos Veces Breve. A súa primeira monografía en cómic foi Doentes (Asoc. Entre Bambalinas, 2009), adaptación da obra de Roberto Vida Bolaño, premiada no I Certame Galego de Banda Deseñada sobre Teatro. En 2010 obtivo o Premio Castelao pola novela gráfica A man do diaño, que Demo editou o ano seguinte en galego e Astiberri en castelán; os dereitos da obra xa foron adquiridos para unha adaptación cinematográfica. Brais recibiu tamén o Premio Injuve de Cómic 2010.

    Brais Rodríguez na rede:

    invocationdemonbrother.blogspot.com.es

  • ÁLVARO LÓPEZ

    A Coruña, 1977

    Activo autor de cómics e fanzines, foi membro do colectivo Polaqia desde 2005 ata a súa disolución. Escribiu e debuxou nese selo as obras de BD Feliz cumpleaños, May, Habitación 13, A voz na caixa, Prime Time Holocausto e La desertora. Con Luis Sendón ao debuxo, publicou as bandas deseñadas 38 e Sálpok – O val dos Cegos, esta última en Demo (2012), como capítulo inicial dunha serie. A súa primeira novela gráfica como autor completo é Os que levan o lume (Demo, 2015). Co-dirixe desde 2014, tamén con Sendón, a revista de ciencia-ficción e fantasía Altar Mutante.

    Álvaro López na rede

    jardinatomicozine.blogspot.com

  • ABEL ALVES

     

    Debuxante e guionista nacido en Ferrol. En Galicia traballou como humorista gráfico no diario Galicia Hoxe e participou en varios fanzines e revistas dixitais. Escribiu e debuxou a historieta Zombess, e como guionista publicou a novela gráfica Sangre y sol, ambas no Uruguai. Tamén colaborou con diversas antoloxías da Asociación Uruguaya de Creadores de Historieta.

     

  • MAJOX

    Debuxante e autora de BD arxentina. Participou en varias antoloxías e revistas de cómic publicadas no seu país. Actualmente traballa para a revista holandesa Penny Magazine e realiza ilustracións para a revista arxentina Ohlalá.

  • ALEJANDRO GAUDINO

    Alejandro Gaudino

    Los Ángeles, California, 1990

     

    Graduado en Belas Artes na facultade de Pontevedra, dedícase principalmente ao cómic, a ilustración e a cartelería. Leva xa unha ampla rodaxe na autoedición, combinando o seu traballo persoal coa militancia en diversos colectivos —os principais, o fanzine Taiga e o Bosviac—. En 2016 participou na antoloxía Hoodoo Voodoo publicada pola editorial Fosfatina. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Gaudino na rede:

    elgaudo.tumblr.com

    instagram.com/el_gaudo

  • CRISTIAN FOJÓN

    Cristian Fojón Caruncho

    Ortigueira, 1997

     

    En 2010 creou o fanzine Historias de Regho Torto, no que foi publicando diversas historias coas que conseguiu numerosos galardóns, como primeiros premios no Certame de Cómic da Mariña (2011), no Certame Benito Losada (2011, 2013, 2014), no Certame Arcebispo Xelmírez  (2015) e no concurso Curuxa do Humor do Museo do Humor de Fene (2015). Tamén foi gañador do Certame Viñetas pola Igualdade da Deputación da Coruña en 2011 e 2014. Publicou en medios como o Diario de Pontevedra ou o fanzine poético Infumable. Realizou traballos como o cartel do III Festival Entremareas, a portada do disco Assalto Acústico d’Os Novos ou o cómic da película DHOGS. Actualmente estuda Ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Cristian Fojón na rede:

    cristianfcaruncho.tumblr.com

  • DANI XOVE

    Dani Xove

    Santiago de Compostela, 1988

     

    Ilustrador e autor de BD. Ten traballado como deseñador gráfico, animador, deseñador de arte, atrezzista e guionista.Publicou O encanto da Pedra Chá (Everest, 2013), con guión de Pere Tobaruela; Efectiviwonder Comics (Sindicato del Cómic, 2014) e 5 Tracks (Sindicato del Cómic, 2016), así como colaboracións coa revista O Botafumeiro e a publicación Finnegans (Foster). Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Dani Xove na rede:

    behance.net/danixove63ca

  • DEBELIUS

    Debelius

    A Coruña, 1990

     

    Debuxante de cómics. Estudou na escola de BD e ilustración O Garaxe Hermético (Pontevedra). Colabora en fanzines como Altar Mutante, Bosviac e Ilustrísimas, e co colectivo madrileño Traca Cómics. Tamén debuxa e escribe para o seu propio fanzine, Gresca. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Debelius na rede:

    debelius.tumblr.com

  • INÉS VÁZQUEZ

    Inés Vázquez

    A Coruña, 1993

     

    Ilustradora e autora de cómic. Galardoada en 2015 e 2016 co 2.º premio do Certame Xuventude Crea, da Xunta de Galicia, na categoría de cómic. Participou como autora nas obras colectivas A vila dos debuxantes do Norte (Retranca Editora, 2014) e 221BD (Retranca Editora, 2015) e colaborou na revista Ensueños, das Jornadas de Cómic de Avilés. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Inés Vázquez na rede:

    inesvazquezart.tumblr.com

  • JORGE PERAL

    Jorge Peral

    A Coruña, 1988

     

    Debuxante de BD e ilustrador, participou en fanzines e revistas como Compota de Manatí (do cal é un dos responsables), Altar Mutante e Sacoponcho. Ten traballado tamén como portadista para editoriais como Meubook ou Camiño do Faro, e como ilustrador publicitario. A maioría da súa produción actual ten que ver co mundo dos videoxogos. Traballou en títulos de estudios internacionais como Uniwar (TBS Games), Take Down Zombies (Soluna Software) ou Digital Dominion, entre outros, tarefa que compaxina co seu papel de director artístico en Gazpacho Games. É autor da portada do o volume Licor café.

     

    Jorge Peral na rede:

    www.jorgeperal.net

  • MATEO ALVARELLOS

    Mateo Alvarellos

    A Coruña, 1986

     

    Estudou Belas Artes en Pontevedra. Fundou xunto outros estudantes da facultade o colectivo de autoedición Cabeza de Corte Aéreo, que se disolveu en 2015. En 2016 formou o colectivo Gran Madre Cangrejo, onde publicou o fanzine Puño/Bosviac. En 2017 comezou a súa serie autoeditada 鬼ネコ. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Mateo Alvarellos na rede:

    mateoalvarellos.tumblr.com

    instagram.com/mateoalvarellos

  • PAULA ESTEBAN

    Paula Esteban

    A Coruña, 1991

     

    Estudou deseño gráfico e ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña e na École Supérieure des Arts Saint-Luc de Liège (Bélxica). Como autora de cómic autoeditou algunhas publicacións como No te Agarres la Cabeza, Las Aventuras de Frisby y Trisky ou Titiritas. Forma parte do Colectivo Miñoco e colaborou na edición da novela gráfica Os que levan o lume, de Álvaro López. Ten participado en publicacións colectivas como Fanzine Chachi, Autozine ou Miñoco Fanzine, e mais en diversas exposicións colectivas. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Paula Esteban na rede:

    taxistapuchy.tumblr.com

    www.behance.net/paulaesteban

  • UXIA LARROSA

    Uxía Larrosa

    A Coruña, 1993

     

    Estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona. Foi cofundadora do fanzine Sacoponcho, e recibiu algúns premios de cómic, como o do Concurso Rekalde-Ortzadar. Actualmente cursa un mestrado en Estudos de Cinema e Audiovisual Contemporáneo na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

    Uxía Larrosa na rede:

    uximuxi.tumblr.com

  • XULIA PISÓN

    Xulia Pisón

    A Coruña, 1985

     

    Ilustradora e debuxante de cómic. Cursou estudos de Ilustración na EASD Pablo Picasso. Recibiu o 1.º premio do Certame Xuventude Crea de BD de 2015. Editou o fanzine McCactus en 2015, e en 2016 publicou (∞-1) con Alita Cómics. Entre os traballos de ilustración que realizou destaca o cartel das Festas de María Pita da Coruña en 2017. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Xulia Pisón na rede:

    xuliape.tumblr.com

  • XULIA VICENTE

    Xulia Vicente

    Cariño, 1993

    Despois de facer o bacharelato artístico na Coruña, cursou o grao en Belas Artes en Valencia. O seu primeiro libro combinou banda deseñada con relato escrito: Anna Dédalus: El misterio de la mansión quemada (Andana Editorial, 2016), con Miguel Ángel Giner Bou e Núria Tamarit. Despois publicou Duerme pueblo (La Cúpula, 2016), de novo xunto a Núria Tamarit, e Ari, cazador de dragones (Sallybooks, 2016), con guión de Manuel Gutiérrez. Colaborou en varias publicacións e fanzines, como Jot Down, Sacoponcho, Nimio ou Oiga Mire Mañana. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Xulia Vicente na rede:

    takitakos.tumblr.com

    xuliavicente.tumblr.com

  • KIKE DÍAZ

    Kike J. Díaz

    Villablino, León, 1985

     

    Debuxante, guionista e colorista. Publicou a obra autoeditada Nordés no ano 2014. Colaborou no proceso de coloreado nos libros de David Rubín Gran Hotel Abismo (Astiberri, 2016), Ether (Dark Horse Cómics / Astiberri, 2016) e Black Hammer/Sherlock Frankenstein (Dark Horse Cómics / Astiberri, 2017). Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Kike J. Díaz na rede:

    twitter.com/KikinhoJ

    instagram.com/kikejdiaz

    kikejdiazstore.tictail.com

  • LUIS YANG

    Luis Yang

    Madrid, 1993

     

    Estudou o bacharelato artístico na Coruña, e graduouse en Belas Artes pola Universitat Politènica de Valencia. É un dos impulsores dos fanzines Sacoponcho e Nimio (premiado no Salón de Barcelona en 2016 e cun último número publicado por La Cúpula). Ten colaborado cos seus cómics en publicacións como Arròs Negre ou Mañana. Editou en solitario o fanzine Daga en 2015. Foi premiado en dúas 2012 e 2013 no Concurso de Cómic de Benimaclet e obtivo unha mención especial no Certame Benito Losada de Banda Deseñada en 2012. Participa cunha historieta curta no volume Licor café.

     

    Luis Yang na rede:

    suscrofad.tumblr.com

    instagram.com/suscrofad

  • SANTIAGO PAREDES

    Santiago Paredes

    Tui 1989

    Graduado en Belas Artes en Pontevedra onde posteriormente realizou un master en ilustración. En 2013 comezou a traballar coa galería Combustión Espontánea na que realizou varias exposicións individuais. Fortemente influenciado pola cultura punk, o cómic underground, a natureza e a historia da humanidade ven a desenrolar a sua actividade profesional como ilustrador, deseñador gráfico e músico. Forxou o seu estilo colaborando en fanzines e numerosos artefactos gráficos o servizo do rock and roll. En 2016 publicou o seu primero libro Corre, Mono, Corre con textos de Rodrigo Cota, guionista que xa publicara con Demo o álbum Nacho Camacho nesta mesma colección.

    Santiago Paredes na rede:

    https://santiagoparedesdotnet.wordpress.com/santiago-paredes-cruz

    http://santipistolas.blogspot.com.es

  • SANTY GUTIÉRREZ

    Leva casi un cuarto de siglo reflexando a sociedade na que vive a través das súas viñetas. Por su prisma pasa a actualidade diaria que se descompón en opinións gráficas que nos fan rir, criticar ou reflexionar e que son publicadas en distintas cabeceiras de prensa de todo o estado. O seu traballo valeulle numerosos recoñecementos, como o premio nacional de Humor Gráfico Joven & Brillante, o primer premio da Bienal de caricatura de Ourense ou o premio Albarelo de periodismo.

  • ESTEBAN TOLJ

    Esteban Tolj, debuxante nado na cidade do Rosario, provincia de Santa Fe, Arxentina. Autor de cómics e debuxos animados. Ilustrador de libros para nenos, notas de periódicos e portadas de revistas. Os seus traballos foron publicados en varios países de América e Europa. Docente de debuxo e cómics desde fai máis de trinta anos.

  • MIKEL BELATZ

    1974 Iruñea (Nafarroa, Euskal Herria)

    Mikel Santos, ‘Belatz’, debuxante, guionista e ilustrador navarro, formou parte de Kukuxumusu e actualmente é parte do equipo creativo de Mikel Urmeneta, ilustrou, tanto a nivel estatal como internacional, diversos contos infantís, entre os que destaca a adaptación do guion da película Pesadilla antes de Navidad(Penguin), dirixida por Tim Burton. Ademáis, é autor o coautor de numerosos libros de texto, campañas institucionais e publicitarias e das obras 90 minutos en el Reyno (Fundación Osasuna) e Una aventura en tres tiempos (Goberno de Nafarroa). El tesoro de Lucio é, seguramente, o seu mellor obra ata a data.

  • DAVID RUBIN

     

    Estudou na Escola Antonio Faílde de Ourense. Asentouse na Coruña para traballar en varios filmes de animación, e despois desa etapa dedicouse de cheo á creación de banda deseñada. Foi membro fundador do Colectivo Polaqia, e ten colaborado en numerosas publicacións; o seu primeiro libro, El circo del desaliento (2005), publicaba unha selección de historias previamente editadas en revistas e fanzines. Desde entón, os seus libros teñen sido editados en galego, castelán, inglés, francés, italiano e checo, e actualmente compatibiliza traballos para o mercado europeo con outros realizados directamente para o norteamericano.

  • IRENE VEIGA

     Naceu o 15 de xaneiro de 1966. Na actualidade traballa como mestra de Primaria na cidade de Ourense. Ten participado en diferentes organizacións de ámbito lingüístico e sociocultural, desde a Casa da Xuventude de Ourense, nos anos oitenta, a Asociación Cultural Auriense, nos noventa, a A. C. “A Gente da Barreira” de Ourense, o MDL (Movimento Defesa da Língua), do cal foi secretaria de organización. Membro fundador da Coordenadora Galega de Roteiros (1998-2008); secretaria da Assembleia da Língua (2002); presidenta da A. C. “A Esmorga” de Ourense; membro fundador da A.C. Pró-AGLP (Pró Academia Galega da Língua Portuguesa) no ano 2007 e presidenta da mesma entre 2011 e 2014. Irene Veiga é escritora de obras de poesía e teatro. En 2017 gañou o premio O FACHO de teatro infantil.

  • XICO PARADELO

    Ourense (1966). Iniciou a sua traxectoria en 1989 no recoñecido colectivo de banda deseñada “Frente Comixário”, co que participou na organización das “Xornadas de BD de Ourense” ou no “I Encontro de Debuxantes Galegos”. Militante da cultura e activista tamén do humor gráfico, é un dos fundadores do “Colectivo PESTINHO” e un dos autores da “História da Língua em Banda Desenhada”. Ten colaborado en diferentes publicacións de humor tais como “XO”, “O Pasquim”, ou “Retranca”. Membro fundador da A.C “BD Banda” e da “Academia Galega da Língua Portuguesa”. Traballa como profesor nun centro rural de Ourense e é colaborador no Portal Galego da Língua.

  • ALBERTO DÍAZ

    Alberto Díaz (Madrid, 1972). Baixo o pseudónimo de «Pelorroto», curtiuse no underground madrileño participando nos proxectos de autoedición Sopas de Ajo e Cretino. Colaborou tamén en fanzines de espírito afín como TMEO, A la Calle, Sunday Morning, Peo, Atumoe… Nesa época publicou unha recompilación de humor gráfico, Écija-Sestao X (Ediciones Estupendas), e o

    mini-álbum Vertedero (Cretino).

     

    Puxo en marcha dous proxectos de BD en formato blog. O primeiro, xunto a Pedro Alpera: Hoy no comemos, que xunta gastronomía e banda deseñada. O segundo: Por favor, deme LA RAZÓN, unha sorte de exercicio de demagoxia existencial sobre xornalismo barato, reciclaxe, política e bicicletas.

    Actualmente traballa como ilustrador para diversas editoriais, é coautor da serie literaria «Lechuza Detective» e imparte talleres de debuxo e de animación á lectura para rapaces.

  • RAPOSA

    (Antonio Reboredo Raposo)

    A Coruña, 1993

    Graduado en Arquitectura pola Universitat Politècnica de Catalunya, é debuxante autodidacta e mediador entre os mundos da la ilustración, a banda deseñada e o álbum ilustrado. Compaxina a investigación universitaria coa docencia, a autoedición, colaboracións en despachos de arquitectura, algún que outro proxecto musical e diversos encargos de ilustración. Comeza como autor profesional con Friaxe (Demo, 2020), una adaptación libre dos ‘Himnos da Noite’ de Novalis, traducidos por Yolanda Castaño.

    Raposa! en la red:

    instagram.com/toba.da.raposa

  • BENXAMÍN OTERO

    Oboísta dende o 1989, formado na clásica Benxamín Otero non tardou en abrir as posibilidades que lle daba a música a outros terreos, non só musicais senón de outras disciplinas. Mestre de Óboe e Historia da Música no Conservatorio de Lalín, tamén foi durante moitos anos mestre de Linguaxe musical no Conservatorio de música tradicional e folque da mesma vila. Froito do contacto coas músicas tradicionais desembocan en grupos como Curitiba, Grodan defló, Linho do Cuco ou do espectáculo “Método cardiofónico” de Germán Díaz. Ten colaborado con Driade, Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, Gelria, etc...

    No mundo audiovisual é o compositor de bandas sonoras para videos comerciais, curtametraxes coma “Alzheimer” de Alex Sampaio, “Viento” de David Argüelles, ou o documental “Piedad” de Otto Roca. Traballou para a compañía de teatro Matarile nos espectáculos “Primeiro movemento para figuras brancas” e “Historia Natural” e a partir do ano 2009, entra a formar parte da compañía Fantoches Baj como actor, músico pero sobre todo compositor, realizando as músicas para os espectáculos da compañía, “O Asombro”, “Poesía última de LP”,  “As pombas de Carboeiro” ou “Os vellos non deben de namorarse”entre outras.

     Últimamente está a realizar “No tempo dun café” xunto a Celso F. Sanmartín, un espectáculo onde se conxugan contos populares, músicas e maxias, “trece canción bonitas” facendo dúo con Germán Díaz ou o espectáculo musical de Faia “Ao cabo leirín”.

  • YOLANDA CASTAÑO

    (Santiago de Compostela, 1977)

    Ao longo dunha carreira que iniciou en 1995, esta poeta, editora, tradutora e xestora cultural veuse posicionando como o nome máis internacional da poesía galega. Fundadora da súa propia Residencia para Escritores/as, desde 2009 dirixe festivais, ciclos de lecturas mensuais e talleres de tradución poética, sempre con poetas galegos e internacionais.

    Durante anos foi tamén colaboradora de TV, columnista e divulgadora literaria. Distinguida con bolsas de creación en residencia en Rodas (Grecia), Múnic, Beijing e Escocia, mostrou a súa obra por 40 países de Europa, América, Asia e África. Os seus ata o de agora 6 poemarios valéronlle galardóns como o da Crítica Española, o das Librerías de Galicia á “Autora do Ano”, o Ollo Crítico ou o de Finalista do Nacional de Poesía, entre outros. Completan a súa bibliografía varias antoloxías persoais, plaquettes en 6 idiomas, libros en italiano, francés, inglés, serbio, macedonio e armenio, obras como editora ou tradutora e 6 poemarios infantís.

    Desde sempre enormemente interesada no diálogo entre disciplinas creativas, foi pioneira e resultou premiada ao fusionar a poesía con audiovisual, artes plásticas, música, danza, arquitectura ou cociña. Neste sentido, en 2018 publicou o considerado primeiro libro en galego de cómic poético: “Ou puño e a letra”, unha antoloxía de 40 dos seus poemas interpretados en viñetas por 40 dos mellores artistas galegos/as deste campo. A obra, que leva vendidos preto de 2.000 exemplares, Foi escollida a mellor de cómic ese ano na Gala do Libro Galego.

  • VÍCTOR TIZÓN

    Víctor Tizón (Vigo, 1962)

    Debuxante e guionista, comezou a publicar os seus primeiros traballos a finais dos setenta en fanzines e publicacións alternativas. En 1982, no Vigo da movida, foi un dos fundadores da revista Katarsis, considerada unha das referencias da contracultura daquela época. No ano 2000 publicou o álbum Usar e tirar – debuxos debullados, mestura de BD e humor gráfico cun curioso deseño reversible. Actualmente combina a banda deseñada co deseño. O pexego mecánico é, ata hoxe, a súa obra máis longa; o seu autor defínea como «unha historia de terror humorístico ou de humor terrorífico».

Amosando 1 - 24 de 24 artigos
Amosando 1 - 24 de 24 artigos