Inauguramos nova web

Inauguramos nova web

Manel Cráneo, fundador de Demo Editorial
Fotografía: Xavier Pena

Inauguramos nova web e tenda online case oito anos despois de que nacera o proxecto editorial, e iso indúceme á reflexión e a facer tamén algo de retrospectiva.

Cansado de vivir situacións que non me interesaban como autor cada vez que movía un proxecto persoal, en decembro de 2008 iniciei a aventura de montar un selo propio para a autoedición dun proxecto. Unha resposta de acción directa aplicada ao mundo editorial e baseada nos meus principios ideolóxicos, marcados pola cultura do «Do it yourself». Grazas á entidade Euroeume, conseguín financiar Os lobos de Moeche, que máis alá de ser unha banda deseñada de ambientación histórica foi unha declaración de intencións. Unha autoedición en galego sobre as revoltas irmandiñas que pretendía dar unha mensaxe ideolóxica paralelamente ao cumprimento dun encargo de carácter divulgativo. Hoxe en día é o título máis vendido de Demo Editorial, e de seguro que chegará a unha terceira edición.

O impacto producido por este lanzamento, impulsado por unha boa promoción no mercado galego, chamou a atención doutros autores e provocou que xurdisen proxectos doutros creadores que hoxe compoñen o noso catálogo. Despois de moitas aventuras, Demo converteuse así nun selo que non responde a esquemas estratéxicos tradicionais e no que as novidades van conformándose segundo palpita o corazón do proxecto: as pulsacións intensifícanse ou baixa o nivel de latexos do mesmo xeito que nun ser humano libre, adaptándose ás circunstancias de cada momento e sen atender a imposicións externas do mercado nin medidas económicas. Os nosos títulos non saen con regularidade, saen cando deben saír, sen máis complicacións.

Demo Editorial sobreviviu á crise por méritos propios; para poder manter o soño esperto a pesar da forte caída das vendas en librarías, inventei en 2012 unha empresa paralela de servizos gráficos e culturais co nome de CR4Neo Acción Cultural, rebautizada recentemente como Demo Cultural, que serviu de complemento e reforzo para equilibrar a fraxilidade dun proxecto editorial tan arriscado. Con isto conseguín manter vivo o proxecto editorial, que está máis preto de saciar unha necesidade persoal como editor que de ser un negocio rendible.

Con esta web e tenda online que inauguramos agora, damos un paso esperado desde os nosos inicios, que coincide tamén coa nosa incursión no mercado español. A finais deste ano, formarán o noso catálogo unha vintena de autores; máis que iso son amigos, colegas, familia, a nosa xente. Tamén un equipo pequeno no que Xavier Pena e Henrique Torreiro se converteron en dúas pezas indispensables para axudar a manter o proxecto vivo. A todos eles me debo, e por eles segue a existir Demo Editorial. Damos este novo paso cara adiante, ao noso ritmo, seguindo os roteiros que a vida lle pon a un diante sen preocupación por perder o norte, xa que calquera dirección é boa cando un é consciente de que o realmente importante son as boas intencións que nos levan ás boas accións. Os puntos cardinais non son máis ca outra imposición social que podemos aceptar ou non; ao que non debemos renunciar é aos soños, e esta editorial seguirá soñando de momento.

 

Manel Cráneo

Inventor

Publicado el 18/04/2016 Home